Thursday 09 de May de 2024

Varias nais e pais do CEIP San Ramón reclaman cun vídeo o desdobramento de Infantil


Un grupo de nais e pais do colexio público de Moeche pídenlle á Xunta que reconsidere a súa postura de manter os tres cursos de Educación Infantil nunha única aula de cara ao curso que comezará en setembro. Fano a través dun vídeo publicado nas redes sociais que explica dunha maneira moi gráfica cales son os principais inconvenientes e tamén que vantaxes educativas e de prevención sanitaria suporía o desdobramento do ciclo en dúas clases. Se non hai cambios, as 18 crianzas máis pequenas do CEIP San Ramón -entre as que hai un caso con necesidades específicas- empezarán curso compartindo pouco máis de 44 metros cadrados. Os pais e nais -con apoio da ANPA, do Concello e do claustro do centro- denuncian que nesas condicións será imposible cumprir cos protocolos da COVID-19 e que, ademais, tamén se resentirá a calidade educativa. A reivindicación de distribuír os tres niveis de 3 a 5 anos en dúas clases susténtase na existencia dunha segunda aula baleira totalmente equipada, no feito de que en anos anteriores a Consellaría de Educación accedeu ao desdobramento con 16 nenas e nenos e tamén no acordo de agrupamento suscrito en 2009 entre Xunta e sindicatos onde se sinala esa posibilidade cunha ratio de tan só 14 alumnos.

“Somos un grupo de nais e pais do CEIP San Ramón de Moeche, e gravamos este vídeo coa intención de sermos escoitados, queremos que nos prestedes atención só un par de minutos, nos cales tentaremos contarvos a situación que estamos a vivir”. Así comeza o vídeo subido a Facebook e Youtube para contextualizar a problemática que se vivirá nos cursos máis pequenos do colexio público de Moeche a partir de setembro, cando convivirán na mesma aula -se non hai cambios por parte da Xunta- un total de 18 nenas e nenos de tres niveis educativos: 7 que comezarán cuarto, outros 5 de quinto e 6 de sexto de Educación Infantil. “Tres niveis nunha mesma aula, tres programacións e tres sesións con diferentes contidos que unha soa persoa ten a obriga de dar de cada 50 minutos. Tres niveis con 18 nenos e nenas, dos cales para 9 será a primeira vez que pisan o San Ramón, para outra parte será a primeira vez en moitos meses e para un deles un reto moito máis complicado para o que precisa ser tido en conta”.

As nais e pais explican no audiovisual, como primeiro argumento da súa reivindicación, que o Acordo de agrupamentos do 10 de xullo de 2009 asinado por representantes sindicais do ensino e a Consellaría de Educación “di textualmente que se poderá agrupar o alumnado de Educación Infantil pertencente a diferentes niveis nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 14. Xa con eses números, e respectando o acordo firmado pola administración, deberíamos estar a falar dun desdobramento no noso centro, pero non é así…”, lamenta a ANPA ao tempo que pide que “as nenas e nenos non deben ser tratados como meros números, senón como persoas con dereitos que son”.

O colectivo alude tamén ao compromiso inicial da Xunta de desdobrar os tres niveis cando, por erro, se contabilizou un total de 19 matrículas. “Dixéronnos que con 19 nenos teríamos cumprida a nosa demanda, sen sequera mirar que diferentes realidades existían. Sen embargo con 18 cambiaría todo, sen estudar as distintas casuísticas que temos”. Entre esas casuísticas está a obriga de cumprir cos protocolos sanitarios da COVID-19 nun espazo de 44,5 metros cadrados onde convivirían 19 persoas -o alumnado e maila mestra- e onde “non se cumpriría en ningún momento coas distancias de seguridade que debemos gardar”.

As nais e pais sinalan, ademais, que o espazo dispoñible e a circunstancia de contar cunha única docente non permitirían un ensino individualizado para cada nivel e dificultarían a atención dos e das menores, especialmente no arranque do curso. “Durante o mes de setembro viviremos un período de adaptación dun mes de duración co alumnado de 3 anos, complicado de por si, co engadido do protocolo de actuación que debe seguir o profesorado por mor da crise sanitaria. Desta maneira as nenas e nenos de 5º e 6º curso de Infantil estarán coa súa mestra na aula en determinados momentos da mañá e noutros sós, debido a que ela tería que atender as entradas e saídas de dito proceso. Neses momentos, que adoitan precisar dunha atención extra por parte da mestra, o alumnado que queda na aula pode entrar en contacto con diferentes materiais, compartir e un longo etcétera no cal estarían incumprindo o protocolo da COVID”.

Porén, outro dos factores que a xuízo do grupo de pais e nais recomendan o desdobramento é a presenza dun estudante “con necesidades específicas de apoio educativo, que tampouco está a ser tido en conta pola Administración. É moi complicado que coa casuística da aula ese neno poida ser atendido como merece, potenciando ao máximo as súas capacidades sendo titorizado nun grupo máis pequeno”.

No vídeo publicado nas redes sociais -protagonizado polos propios pais e nais ocupando o lugar da rapazada- lánzase unha mensaxe en positivo sobre os beneficios do desdobramento, sinalando como principais “o aumento da calidade da ensinanza”, maiores garantías de cumprimento das pautas sanitarias e a posibilidade de desenvolver os programas formativos de cada nivel “sen que uns se visen prexudicados por falta de atención”.

A reivindicación do desdobramento conta co apoio “do resto de familias, da ANPA, do Concello e de todo o claustro do centro que está disposto a remar contra todo o que vén por diante neste novo curso que comeza pero que necesita máis profesionais”. A peza remata coa intervención das nenas e nenos máis pequenos reforzando a mensaxe dos maiores: “Quero que me teñan en conta!”